
Guillermo Rodiño sinala a torre do campanario da parroquia de Adina CAPOTILLO
É,quizais, o campaneiro máis mozo de toda a comarca, e tamén, probablemente, de Galicia. Guillermo Rodiño Requejo, veciño de Montalvo, é aos seus quince anos o campaneiro da igrexa de Adina, no concello de Sanxenxo. Conta cos parabéns dos seus pais, Guillermo e Paula, e tamén do párroco e do sancristán, así como da maioría dos veciños que, con este xove ao fronte, teñen asegurado o cambio xeracional nunha tradición, o repenique das campás, que desde hai uns días é Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Esta é a súa historia.
«Dende pequeno sempre sentín moita atracción polo tema non só polas campás, senón relixioso e pola nosa tradición e cultura galegas», explica. Recorda que cando de neno ía a catequese, e escoitaba tocar ao sancristán, Alberto, «sempre me chamou a atención e me impresionaba que ese son chegase ás casas de toda a parroquia». Agora, xa máis maior, indica que se da conta da importancia que teñen as campás no rural galego, aínda hoxe.
«Son un símbolo da nosa identidade galega, porque houbo un tempo en que a xente estaba acostumada a vivir ao son que marcaban as campás, e automaticamente sabían o que se lles estaba a dicir». Recalca que as badaladas non teñen só un sentido relixioso, senón que supoñen, por si soas, unha linguaxe moito máis ampla. «Teñen o poder, o deber de informar á xente, dunha noticia como é o nacemento de alguén, ou tamén da morte de alguén. As campás empregábanse para todo, incluso para tentar escorrentar unha tronada», relata.
A súa primeira experiencia con campás foi cando era moito máis pequeno, e un día, baixo unha irrefreable curiosidade, tocou a campá de San Amaro. Foi unha aventura de cativo, pero deuse conta do poder de evocación dese son, cando ao irse veu subir a «a media aldea para ver que pasara».
Guillermo canalizou esta paixón pola música entrando na banda municipal onde é trompetista. Mais non ía quedarse todo aí. O sancristán, Alberto, que sabía da fascinación que as badaladas exercían sobre el, veu ao seu sucesor.
Sorpresa o día de san Miguel
Así o conta Guillermo: «Unha vez pregunteille a Alberto se algún día me ensinaría a repenicar, e díxome que sen ningún problema». Chegou o día da festa de san Miguel deste ano, e «durante a procesión Alberto chamou por min e díxome: ‘Voute ensinar a repenicar’, porque a xente estaba distraída coa procesión e ninguén se ía enterar». Ou iso pensou. «Como dende pequeno interiorice tanto o son, sabíame o repenique de memoria, simplemente foi coller os péndulos e mazarlle», rememora. Soa fácil, pero non o é tanto. «Cada péndulo pesa o seu e ten o seu aquel facelo ben porque as campás non poden tocarse por tocar, porque cada toque ten o seu significado».
O sancristán ensinoulle o repique. «Dentro de Galicia o repique é máis ben libre, o que se adoita facer é empregar o ritmo da muiñeira», describe Guillermo. Mais non foi muiñeira co que empezou.
«O primeiro que me ensinou foi máis ben o toque de alertar de algo, pero unha vez xa fun collendo experiencia, intentei facer a miña propia melodía, e como son membro da banda de música de Sanxenxo e teño coñecementos musicais, intentei facer o ritmo de muiñeira», apunta. O resultado foi bo e dende aquela «sempre lle dou o toque da muiñeira».
Rodiño incide en que «os veciños notaron o cambio do toque da campá instantaneamente». Agora, co paso duns meses, Guillermo repenica todos os domingos nas campás de Adina «para chamar á xente a que veña a misa».
Este mozo síntese encantado coas campás da súa igrexa. «Teñen un son moi bonito» e fixéronse en Arcos da Condesa, polo que se sente privilexiado de tocalas. O sancristán, Alberto, non oculta a súa satisfacción co resultado da destreza musical de Guillermo. A maioría dos veciños tamén o están e este campaneiro, entre os máis mozos de Galicia, está disposto a seguir transmitindo as mensaxes que as campás de Adina levan polo vento ás casas dos seus veciños dende hai séculos.
![]() |
||
© www.lavozdegalicia.es (2022) © Campaners de la Catedral de València (2026) campanerscatedralvalencia@gmail.com Actualización: 19-05-2026 |
||