Inventario de campás
Ermida da Nosa Señora da Consolación, Tabeirós - A ESTRADA (GALICIA)
Referencia 15153
Lugar da Consolación, s/n.
36684 A ESTRADA
Referencia 15153
Lugar da Consolación, s/n.
36684 A ESTRADA

Descricion Érguese a ermida na parroquia de Santiago de Tabeirós á saída do lugar da Consolación, a carón do camiño xacobeo que conducía os peregrinos a Compostela. No campo diante da ermida ízase un bo labrado cruceiro.
Capela de planta rectangular. Portada de arco alintelado recercada de moldura plana. Extremos encapitelados e espadana central de dobre van.Sobre a porta principal hai unha fornela onde se acubilla a imaxe pétrea da Virxe da Consolación. No lateral destro unha porta con arco semicircular permite entrar tamén á capela e unha fiestra deixa pasar a luz ao interior. A ábsida está máis alta e é máis estreita ca nave e ten dúas xanelas a cada lado. A nave ten tellado a dúas augas, mentres a ábsida o ten a catro.
Conta unha lenda que os veciños toparon unha imaxe pétrea da Virxe no mesmo lugar onde máis tarde se construiu este templo.
Este cantar sobre a Virxe da Consolación fai referencia á lenda que explica a orixe da capela e que está recollida por Camilo Erias nun libriño co título Novena en honor de la Santísima Virgen de la Consolación y Correa (1981). Cóntanos que apareceu unha imaxe pétrea da Virxe que os veciños colocaron xunto a unha fonte -que aínda se conserva hoxe- e que o párroco pensou en levar para a igrexa. Aos poucos días o cura pasou por alí montado no seu cabalo e xusto onde aparecera a imaxe caeu ao chan, vendo a imaxe da Virxe entre uns raios de luz. Ao erguerse prometeu facer alí unha capela. E pouco despois un veciño atopou no mesmo lugar uns cartos dos que, se ben se anunciou na igrexa, non apareceu o seu dono. Finalmente con eses cartos mercaron o terreo onde facer a capela, contribuíndo todos os veciños na súa construción.
Pero a ermida da Consolación sufriu moitos cambios ao longo dos anos tanto no exterior, como no interior. Por exemplo, a obra da espadana é posterior. En efecto no século XVIII refórmanse moitas pequenas igrexas e unha das obras que se levan a cabo é a de remodelar ou modernizar as fachadas dotándoas de espadana en vez do remate que tivesen. O tipo de espadana dobre cun pequeno corredor por detrás e con variados pináculos nos laterais é moi usual nestas datas. Hai moitos exemplos na contorna, como poden ser os de Ouzande, Rubín, Arnois, etc.
Campás 2 campás.
Editor da ficha TROIANO CARRIL, Xosé
Actualización 26-12-2025
| Autor | Título | Data | |
|---|---|---|---|
| FERRO PEGO, Luis & TROIANO CARRIL, Xosé | Campás e campaneiros da Estrada | 2023 |
| Localización | Campá | Fundidor | Ano de fundición | Diámetro (en cm) | Peso |
|---|---|---|---|---|---|
| Espadana | Menor. | LISTE PEREIRAS, JUAN (PARROQUIA DE ORAZO) | 1898 | 60.00 | 125 |
| Espadana | Maior. | CABRILLO MAYOR, JOSÉ | 1948 | 95.00 | 496 |