Almanzor e a lenda das campás de Compostela


Compostela - Autor: GALICIA ESPALLADA

No século X da nosa era, o Apóstolo Santiago, era para os árabes un símbolo da reconquista dos cristiáns no norte da península Ibérica. Esta importancia simbólica, atraeu os desexos de destrucción do caudillo árabe Al-Mansur Bi-Llah, coñecido polos cristiáns como Almanzor.

Almanzor emprendera varias expedicións de saqueo e invasións contra outras cidades cristiás coma Barcelona, León ou Salamanca. Pero a importancia que Santiago tiña como símbolo dunha fe que era inimiga da súa, foi o que o levou a deixar Córdoba e emprende-la expedición de castigo a Compostela.

O día 10 de agosto do ano 997 Almanzor toma Compostela e as súas tropas saquean a cidade. A crueldade que este caudillo demostraba en tódalas cidades por el saqueadas, viuse soamente conmovida pola presencia dun vello monxe que impasible ante a brutalidade dos saqueadores, permanecía inmóbil, orando, fronte á tumba do Apóstolo Santiago. Dise que este vello monxe era o bispo San Pedro de Mezonzo. Entón, Almanzor quizais conmovido por esta actitude, prohibiu ós seus soldados que non danasen nin o sepulcro, nin ó ancián.

Pero o castigo divino caeu sobre as tropas musulmanas e sobre Almanzor…Este castigo tomou a forma de cegueiras e trastornos varios de saúde. Dise que ata o caudillo árabe, foi atinxido por unha destas cegueiras transitorias, quen na súa desesperación pediu favor ó Deus dos cristiáns, nese momento renegando de Alá e de Mahoma. Pero ó recobra-la vista, Almanzor esqueceu a súa promesa e emprendeu o camiño de volta a Córdoba, levándose un cuantioso botín, incluídas as campás da catedral compostelá, que foron levadas á “cidade dos califas” a ombros de prisioneiros cristiáns tomados cativos. Do mesmo xeito leváronse as portas que despois servirían como teito para a mesquita cordobesa. Soamente respectaran o sepulcro de Santiago…

Despois desta destrucción masiva da cidade, o templo do Apóstolo Santiago foi reconstruído baixo os auspicios do Bispo Pedro de Mezonzo. A construcción da actual catedral iníciase durante o reinado de Afonso VI no ano 1075, ficando rematada entre os anos 1122 e 1128.

Pero para os cristiáns este fora un duro golpe que ficou gravado na súa memoria…

En tempos de Fernando III o Santo foron reconquistadas as cidades de Sevilla e Córdoba…Entón, as campás que foran roubadas e levadas a Córdoba máis de 230 anos antes, foron devoltas a Compostela pero segundo conta a lenda, esta vez levadas a ombros de prisioneiros musulmáns, seguindo como rota unha antiga calzada romana que comunicaba Andalucía con Estremadura e Castela…Era a chamada Vía da Prata, e que logo, foi aproveitada polos peregrinos a Santiago seguindo esta antiga vía cara ó norte, tomando ese mesmo traxecto cás campas de Compostela ó seu regreso.

Existe outra lenda que di que Almanzor morreu ó ser castigado por Deus por provoca-la destrucción de Santiago de Compostela. Algúns historiadores pensan que o árabe morreu como consecuencia das feridas recibidas na batalla de Calatañazor (1002), aínda que posiblemente a verdadeira causa da súa morte fose unha enfermidade, a que forzou a súa retirada ata Medinaceli.

SUÁREZ GROBA, Mónica Beatriz

Galicia Espallada (2007)

  • Catedral do Apóstolo Santiago - SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • Destrución de campanarios e de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Galicia Espallada (2007)
    © Campaners de la Catedral de València (2026)
    campanerscatedralvalencia@gmail.com
    Actualización: 05-06-2026

    Connectats: 62 Visitants: 62 Usuaris: 0