A campá maior da catedral que marca as horas en Santiago cumpre 350 anos

O autor da peza foi o mestre fundidor cántabro Juan Vélez de Palacio


A campá grande da torre das campás está de aniversario; sen embargo, non é a máis grande da Catedral de Santiago, xa que esta honra tena a Berenguela, pendurada noutra torre coñecida como a “Torre do Reloxo”, e que conta cunhas medidas de 257 cm de diámetro e un peso duns 6433 kg.

Pero, a Berenguela foi a primeira campá da torre do reloxo? Pois non: a primeira campá que deu as horas nesta torre despois da reforma de Domingo de Andrade, mestre de obras da Catedral nesta época, foi a que está de aniversario.

Para retroceder á orixe do tema, ímonos ata o ano de 1676, en concreto ao 21 de xaneiro, cando o Cabido decide remodelar a antiga torre do Rei de Francia, coñecida así por albergar as campás doadas por Luís XI, moi devoto do Camiño e do apóstolo Santiago. Esas campás raxadas fai anos, mandáronse romper en 1664 e servirían como material para refundir outras novas.

Volvendo a 1676, Domingo de Andrade comezaría a reforma da devandita torre pero, uns meses antes, xa se estaban a construír dúas campás, as dúas máis grandes que ten a torre das campás aínda hoxe en día: a campá “Santa María Salomé”, de 147 cm de diámetro e 1204 kg de peso, hoxe coñecida como de “San Luís” e, a campá grande chamada “A Concepción”, de 211 cm de diámetro e un peso de 3560 kg, actualmente nomeada como “Santiago o Maior”. Estas foron fundidas polo mestre fundidor cántabro, Juan Vélez de Palacio.

O dia 8 de decembro de 1675 levouse a cabo a fundición das dúas campás, pero a campá maior “A Concepción” non saíu moi ben, e houbo que volver a fundila a primeiros de 1676, coas mesmas inscricións e medidas. En canto á remodelación da torre do reloxo, o Cabido quería, ou había a necesidade, rematar axiña esta obra porque o ano de 1677 sería Ano Santo, e procurábase fermosear o torreón medieval da Quintana. Rematada a fundición da campá grande, xa non se lle chamaría campá “Concepción” senón que pasaría a denominarse “Campá grande do reloxo”. O motivo desta mudanza de nomes? aproveitar que esta campá de grandes dimensións xa estaba construída e colocala na torre do reloxo, á que se subiría nese Ano Santo de 1677.

Así, Domingo de Andrade recibiría unha gratificación de 100 ducados o 9 agosto de 1678, recibindo os parabéns do Cabido por ter colocada a nova campá no lugar de destino.

A chegada da Berenguela

A hoxe coñecida campá “Santiago o Maior” daría as badaladas horarias ata 1729 cando sería substituída pola famosa campá “Berenguela”, fundida polo mestre cántabro Pedro de Güemes. Esta campá daría e dá, para multitude de lendas, como que foi levada por Almanzor a Córdoba xunto con outras campás, ou que, a campá se chama “Berenguela” por que a torre do reloxo foi remata por Berenguel de Landoira no século XIV. Evidentemente, nin Almanzor levou a Berenguela nin a torre do reloxo foi feita ou rematada por Berenguel de Landoira.

A campá maior “Concepción”, “Grande del Relox”, sería trasladada á torre das campás e alí empezaría a ser coñecida como “Santiago, o maior”. A día de hoxe, a xente que anda pola cidade de Santiago de Compostela, escoita as badaladas horarias deste gran sino. A xente que escoitaba o son das horas badaleiras fai 350 anos, témola sorte de escoitar ese mesmo son hoxe en día. O motivo é, que a maquinaria do reloxo monumental feita por Andrés Antelo en 1831, necesita dun arranxo que en breve se fará, e mentres, a Berenguela descansa do seu labor para que Santiago o Maior faga horas extra.

Xosé Troiano é investigador e cofundador da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia.

TROIANO CARRIL, Xosé
www.lavozdegalicia.es (16-10-2025)
  • Catedral do Apóstolo Santiago - SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • SANTIAGO DE COMPOSTELA: Campás, campaneiros e toques
  • VÉLEZ DE PALACIO, JUAN (ARNUERO) : Inventario de campás
  • Campás (historia xeral e tópicos): Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © www.lavozdegalicia.es (2025)
    © Campaners de la Catedral de València (2026)
    campanerscatedralvalencia@gmail.com
    Actualización: 04-06-2026

    Connectats: 48 Visitants: 48 Usuaris: 0