Igrexa de Santiago de Parada - NIGRÁN (GALICIA)

Inventario de campás

Igrexa de Santiago de Parada - NIGRÁN (GALICIA)

Referencia 9649

Lugar da Igrexa, s/n.
36379 NIGRÁN



Web

Descricion Á súa planta, dunha nave con ábsida semicircular, engadíronlle no lado sur unha capela e a sancristía. A porta é de arco de medio punto con molduras, e enmárcase con dúas pilastras laterais e outra enriba a modo de lintel. Nesta ten a inscrición: “IGLESIA DE REFUGIO: ETC: 1835”.
Remátase a porta cunha pequena moldura a modo de tornachoivas. Por riba dela está unha peaña semicircular que serve de base para a imaxe do Patrón colocada na fornela, tamén de arco de medio punto, moldurada e con venera. Case unida a ela, hai unha fiestra rectangular, resaltada con moldura acodada. A cada extremo do muro presenta un pináculo no que se inicia unha balaustrada como remate ata a espadana. Esta sitúase no centro da fachada. Nunha cornixa voada cérrase por balaustrada pétrea. No primeiro corpo ten dous ocos onde se aloxan as campás. Un deles foi reformado na parte inferior para que puidera entrar a campá grande. No segundo corpo, un só oco adornado de volutas laterais. Remátase con frontón triangular e cruz pétrea de remate.
No lado norte conserva unha das portas románicas: o seu arco é abucinado con tres arquivoltas, lixeiramente apuntadas e adornadas con boceis, flores hexapétalas con botón central, cravos, billetes e dúas columnas, unha a cada lado, con capiteis de ornamentación vexetal para apoio da primeira arquivolta. Nas restauracións que se fixeron nos anos 1967 e 1975 recuperouse esta forma orixinal da entrada, sen o lintel que lle tiñan colocado cunhas grapas de ferro.
No lado sur existiu outra entrada similar en forma e tamaño. Aínda se conserva parte da súa decoración na capela da Virxe da Saúde.
As entradas de luz nos paramentos norte e sur resólvense con seteiras, cunha pequena decoración de flores hexapétalas nas do lado norte. Ao interior presentan
un gran derrame e xambas lisas. No tramo recto da ábsida ten outras dúas fiestras. A do sur foi reformada a causa do muro de cerre da sancristía, quedando na actualidade unha imitación das seteiras do pano da nave. A do lado norte consérvase completa. É de arco de medio punto, con basas, columnas, capiteis e moldura no arco. O seu derrame é a ámbolos lados. Adórnase cunha chambrana de billetes en todo o semicírculo. Os capiteis están moi deteriorados e as columnas son monolíticas e coas basas áticas. Baixo o aleiro do tellado conserva canzorros de diversa decoración. Algúns deles son posteriores á construción da igrexa, pero a maioría son orixinais, así todos os da ábsida, que representan dúas cabezas de touros e rollos.
No interior contemplamos a cuberta formada por unha armazón de vigas en tesoira para soportar a armazón de taboleiros no que apoia a cubrición exterior.
Nos paramentos consérvase a imposta de billetes que percorre toda a nave, interrompida nos arcos das portas. Estas son de arco apuntado e de aresta morta.
O arco triunfal é moi apuntado, ten moldura lisa e arquivolta de baquetillas. Apóiase nunha imposta corrida nos dous lados, sen adorno. A ábsida ten a bóveda apuntada. O tramo recto divídese en dous por medio dunha semicolumna monolítica con capitel de decoración vexetal. No segundo destes tramos están as fiestras que comentamos polo exterior. Compóñense de arco de medio punto. Teñen dúas columnas monolíticas de basa ática. Os capiteis son de decoración vexetal, menos un deles que presenta figuras animais. No centro do tramo curvo atopamos outra fiestra de tipo completo con arco de medio punto, pero sen proxección ao exterior. Esta ventá foi descuberta nas obras de restauración do ano 1968, en que se retirou o retablo maior que cubría todo o paramento curvo da ábsida. Ao desmontalo apareceron unhas pinturas ao temple do século XVI. Pareceu conveniente non conservalas pola dificultade da súa recuperación.
Na actualidade esta igrexa de Parada de Miñor é santuario mariano da Virxe da Saúde. A capela que se engadiu no lado sur acolle o retablo coa imaxe da mesma na fornela principal. É o único retablo que queda nesta igrexa, despois do desmonte do retablo maior. A súa planta é poligonal. Está formado de banco, corpo e ático. No centro do banco e seguindo o adiantamento que terá a rúa central está o Sagrario cunha fermosa porta representando a Custodia. No corpo ten tres rúas. A central adiántase respecto ás laterais e enmárcase con dous estípites para acoller nunha caixa cuadrangular a imaxe da Virxe da Saúde sobre un pedestal. Nesa mesma rúa, como remate, unha cartela co anagrama de María.
As rúas laterais son tamén de caixa plana en arco de medio punto e acollen as imaxes de S. Sebastián e Sto. Antonio sobre peañas.
No ático, en caixa plana e arco de medio punto, a imaxe de Santa Ana, centrada por dous estípites apilastrados. Despois da decoración floral, nos extremos, dous anxos con palmas. Remátase o conxunto cun florón e a cruz.
Segundo Ávila y La Cueva, a primeira advocación de Parada foi San Salvador cando, segundo parece, a igrexa podería ser de traza mozárabe. A actual, a dicir de Espinosa Rodríguez, data de 1182.

Campás 2 campás.

Editor da ficha TROIANO CARRIL, Xosé

Actualización 16-03-2026

3 Fotos

Autor
  • FRANCO BARROS, Oscar / PATRIMONIOGALEGO.NET [https://patrimoniogalego.net/index.php/40560/2013/04/igrexa-de-santiago-de-parada/] (15-04-2013)
  • CARRERA, Anxo & TROIANO CARRIL, Xosé / CAMPÁS E RELOXOS MONUMENTAIS DE GALICIA (FACEBOOK) (13-03-2026)
  • Bibliografía (Pódese ordenar por calquera dos campos)

    AutorTítuloData
    FARO DE VIGOUna experiencia mostrará el sonido de las campanas2018
    INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORÁNSXeiras IEM 2019 Nigrán2019

    Fichas completas das campás

    Campás actuais

    LocalizaciónCampáFundidorAno de fundiciónDiámetro (en cm)Peso
    EspadanaMenor.SILVA SANTOS, MIGUEL JOSÉ188460.00125
    EspadanaMaior.FONTÁN E HIJOS192195.00496