Inventario de campás
Mosteiro dos Picos - MONDOÑEDO (GALICIA)
Referencia 13017
Lugar do Formigueiro, s/n.
27747 MONDOÑEDO
Referencia 13017
Lugar do Formigueiro, s/n.
27747 MONDOÑEDO

Data de construción Séculos XIV-XVIII
Descricion Situado na parroquia de Formigueiro, nun lugar fermoso sobre o val de Mondoñedo, este mosteiro franciscano, do cal non se coñece con exactitude a data de fundación, estivo en pleno auxe no século XIV. De feito, o 25 de abril de 1382, o rei Xoan I outorgoulle un privilexio a este monumento onde fai constar a súaa grande devoción por este lugar no que "se acollen moitos peregrinos e romeiros dos que van ao Apóstolo Santiago ..." segundo describe o propio texto.
No século XVII, os frades trasládanse por un breve período á ermida de Santo Antonio do Carrascal pero, tras se enfrontar á sé catedralicia, regresan definitivamente aos Picos. Neste mesmo século, realizaríanse importantes obras no mosteiro e, posteriormente, no ano 1715, o Bispo Muñoz y Salcedo sufragaría a construción da actual igrexa de planta rectangular e cúpula sobre o altar maior.
Entre os anos 1884 e 1964, os frades Pasionistas habitaron o edificio. Tras a súa partida, comezou o deterioro e declive do conxunto monacal, que conta actualmente cun claustro pechado por tres tramos coa igrexa no cuarto. A igrexa consta dunha nave en 3 tramos cubertos de nervatura gótica, cúpula con lanterna, presbiterio, claustro rectangular de dous pisos con arcos no baixo e xanelas no alto, construído a partires de 1687, cociña antiga e escaleira principal do século XVIII. Fachada principal barroca cun ollo de boi central e unha torre lateral de dous corpos e remate en cúpula.
No interior: retablo maior salomónico con esculturas, dous retablos laterais barroco e moderno e cadeirado do coro barroco.
O seu nome verdadeiro é Mosteiro de San Martiño de Vilaourente, aínda que popularmente coñéceselle como Mosteiro de Os Picos, debido á vestimenta dos primeiros monxes que o habitaron. A suba ao Mosteiro coñécese co nome de "Calvario" pola existencia dun Vía Crucis.
Campás 3 campás. Tiña unha cuarta que agora está pendurada da capela de San Pedro de Alcántara en Mondoñedo fundida no ano 1737.
Editor da ficha TROIANO CARRIL, Xosé
Actualización 30-10-2023
| Localización | Campá | Fundidor | Ano de fundición | Diámetro (en cm) | Peso |
|---|---|---|---|---|---|
| Torre-campanario | Menor. | BLANCO LÓPEZ, JOSÉ ANTONIO (MONDOÑEDO) | 1904 | 58.00 | 113 |
| Torre-campanario | Mediana. | BLANCO LÓPEZ, JOSÉ ANTONIO (MONDOÑEDO) | 1905 | 72.00 | 216 |
| Torre-campanario | Santa María de la Asunción | BLANCO PALACIOS, ANTONIO (MONDOÑEDO) | 1886 | 84.00 | 343 |