Ao son das campás... da vila de Baiona

Ao son das campás... da Vila de Baiona - Autor: IEM
Ao son das campás... da Vila de Baiona - Autor: IEM

O vindeiro sábado, 15 de agosto de 2015, celebrarase na Vila de Baiona de Miñor un acto singular e histórico. Por primeira vez e nun só día as súas campás falarán para comunicar como o fixeron ao longo da Historia os acontecementos que ían ocorrendo na Real Vila.

Comezaremos ás 18:00h diante da Capela de Santa Liberata onde, despois duns pequenos apuntes históricos sobre ela, o campaneiro abrirá a xornada cos toques que neste santuario se realizaban. A ruta circular polo Casco Vello, e cun horario aproximado, lévanos a continuación á capela baixo a advocación de San Xoán do Castelo, cuxo modesto interior poderemos ollar, e que permanece pechada todo o ano a excepción da Semana Santa e o día do seu patrón.

Fundado alá polo ano 1547 por unhas oito mulleres, entre as cales a primeira foi Mayor Fernández de Acuña, o Convento da Anunciación de Madres Dominicas será o noso seguinte destino. Neste punto, as relixiosas de clausura repicarán as súas afinadas campás (do século XVIII e XIX) interpretando ao longo (aproximadamente) dunha hora, os diferentes toques entre os cales podemos destacar o toque de laudes, primeiro toque do día polo que se guiaban os mariñeiros para saír ao mar, ou o toque de misa acompañado dun Angelus.

A capela da Misericordia, sede da histórica Confraría da Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona, será o noso penúltimo descanso. Esta obra pía, fundada polo Capitán Rodrigo García en 1574, será a encargada de mostrarnos os seus toques de campá, entre os que destaca o de defunto, coñecido popularmente como A Agonía da Misericordia.

Remataremos, tras subir pola Rúa do Hospital, baixo a gran torre campanario da antiga Colexiata de Santa María. O acto central que terá lugar nesta igrexa, parroquial da vila, ao remate da misa das 20:00, estará dirixido polo campaneiro Ángel Vilar Montero (Lito de Mauricio) que mostrará os diferentes toques coñecidos. Entre eles, podemos destacar xunto aos comúns (incendio, misa, procesión, defunto, cabodano...), o volteo das campás con toques catedralicios ou o toque familiar de La Raspita.

O acontecemento organizado polo IEM e a Asociación Pro Hermanamientos Cristóbal García Sarmiento, foi arroupado pola parroquia de Santa María, o Concello de Baiona, ACEBA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona), o Convento de Madres Dominicas e a Confraría da Santa Casa de Paz e Misericordia.

IEM

Instituto de Estudos Miñoranos (06-08-2015)

  • BAIONA: Campás, campaneiros e toques
  • VILAR MONTERO, ÁNGEL (BAIONA): Toques e outras actividades
  • Concertos de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    Buscar campá, campanario, poboación, fundidor, ano fundición, epigrafia, autor, artigo
    © Instituto de Estudos Miñoranos (2015)
    © Campaners de la Catedral de València (2017)
    campaners@hotmail.com
    : 21-11-2017
    Convertir a PDF