As campás

¿Que está a pasar co noso patrimonio cultural e artístico? Cada día hai noticias de atentados que sofren os bens culturais, sobre todo no medio rural. Agora que o despoboamento das nosas aldeas é ascendente, esta vergoña increméntase. Non fai moito falei aquí da caverna de estalagmitas de Lóuzara, na que se perpetrou unha atroz mutilación. Agora sabemos que roubaron as campás da igrexa das Goás, en terras de Abadín. Segundo o párroco, os bronces datan do século XVIII, e pesaban 300 quilos, o que fai pensar que o latrocinio tivo que ser perpetrado con nocturnidade, aleivosía e medios técnicos suficientes para descolgalos da torre. A campá, esa lingua de bronce que desde a era cristiá cumpriu funcións sociais, é símbolo e referencia. Chamaba aos oficios relixiosos, convocaba ao pobo a concello e xuntanza, comunicaba o falecemento dos veciños, afastaba o trono e o pedrisco, avisaba do lume, festexaba os días de festa, voaba nas procesións da patroa ou patrón. Conservo da miña nenez aquel son alegre, ou triste, ou melancólico, das campás, enchendo o val do Azúmara no meu Mosteiro da alma. Era como bandada de pombas que se pousaban nos sementados, linguaxe sublime que subía ás medorras e castros e perdíase entre os soutos e carballeiras. Era a voz de Deus. Están a roubarnos a alma, están a furtarnos o pasado. É urxente que se adopten medidas de seguridade e protección suficientes para preservar o patrimonio cultural e artístico. As campás somos nós. O seu silencio soará por nós.

ÓNEGA, José Ramón

La Voz de Galicia (05-04-2011)

  • Parroquia San Pedro de Goás (Gaute) - ABADÍN: Campás, campaneiros e toques
  • ABADÍN: Campás, campaneiros e toques
  • Campás (historia xeral e tópicos): Bibliografía
  • Destrución de campanarios e de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © La Voz de Galicia (2011)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 29-03-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 95 Visitants: 94 Usuaris: 1 - servidor