Pasada e presente de San Marcos

Da igrexa de Corcubión consérvase unha imaxe de 1885, posiblemente a fotografía máis antiga do municipio e unha das máis antigas da comarca

Vecinos saíndo do renovado templo nunha instantánea tomada en 1888 - Autor: ARQUIVO ALEJANDRO LAMAS COSTA
Vecinos saíndo do renovado templo nunha instantánea tomada en 1888 - Autor: ARQUIVO ALEJANDRO LAMAS COSTA

A igrexa de San Marcos de Corcubión consérvase hoxe exactamente igual que en 1888. O templo non variou desde entón, aínda que si creceu algún edificio na rúa que sobe ata el desde a praza de Castelao e que variou as vistas que entón había.

Ver que o templo está hoxe igual que en 1888 é posible porque existe polo menos unha imaxe tomada entón. Consérvaa no seu arquivo persoal Alejandro Lamas e nela pode verse a recentemente estreada fachada neogótica da igrexa corcubionesa. Tamén se aprecia a elegancia dos veciños da entón puxante vila.

Máis significativa é aínda a fotografía de 1885 que tamén conserva Alejandro Lamas e que podería ser a foto máis antiga que se conserva de Corcubión e, posiblemente, unha das máis veteranas da Costa da Morte. Aínda non nacera cando foi tomada Ramón Caamaño e faltaba moito para a viaxe de Ruth Matilda Anderson pola comarca.

A instantánea non só ten o mérito de pasar pola máis antiga. Tamén é a única que testemuña os cambios sufridos pola igrexa de San Marcos neses tempos. Ao parecer, ao longo do século XIX o campanario viuse afectado en tres ocasións polo impacto de raios.

O que caeu sobre a torre o 19 de marzo de 1885 foi o que causou unha maior destrución, apunta Alejandro Lamas. Coincidiu coa misa de San José e co edificio abarrotado, e causou tres mortos e máis de 60 feridos.

Foi tras ese impacto cando se remocicou a fachada construíndo a actual, en estilo neogótico.

Sen quitarlle mérito á nova fachada, o certo é que deixou emparedado o encanto que tiña a anterior, un clásico exemplo de gótico mariñeiro do século XIV, o único da comarca. Ese vello estilo si pervive nas bóvedas e contrafuertes e percíbese aínda no interior.

A sinxeleza da igrexa primitiva queda algo desvirtuada pola nova e polo campanario, un elemento que en Galicia foi engadido a moitas igrexas románicas a partir dos séculos XVII e XVIII.

A igrexa era unha única nave e as dúas capelas laterais que hoxe se poden ver foron tamén engadidos posteriores, seguramente barrocos.

No XIX non só se reconstruíu a fachada, senón que se lle engadiu á igrexa, ademais, unha segunda sancristía na zona sur, deixándoa configurada tal e como pode verse na actualidade.

Tampouco queda nada da decoración interior orixinal do templo, pero se mantén un trazo singular, a bóveda de crucería cupuliforme que cobre a capela maior, de influxo bizantino, e debida ás relacións que entón mantiña a vila con Venecia.

A nova fachada do XIX a firma o arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero. Pervive a talla de San Marcos, de estilo italiano, do século XVI. Iso si, a pluma que leva é posterior.

EIROA, E.

La Voz de Galicia (08-10-2010)

  • CORCUBIÓN: Campás, campaneiros e toques
  • Destrución de campanarios e de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    Buscar campá, campanario, poboación, fundidor, ano fundición, epigrafia, autor, artigo
    © La Voz de Galicia (2010)
    © Campaners de la Catedral de València (2017)
    campaners@hotmail.com
    : 11-12-2017
    Convertir a PDF