A campá inglesa de Torás


Igrexa nova de Torás - Autor: MACEIRAS, Xabier / CRÓNICAS DE LARACHA

Situada na esquina formada pola Avenida de Caión e a rúa Silverio Moreda, en pleno centro do casco urbano da Laracha, atópase a igrexa nova da parroquia de Santa María de Torás. Baixo o impulso de D. Anselmo Graíño Calo, crego da freguesía naquela hora, o templo foi construido na década dos sesenta do pasado século grazas á labor da veciñanza que, dende a colocación da primeira pedra, traballou arreo na edificación do templo, xuntándose acotío brigadas de máis de oitenta persoas.

Precisamente, tras o pequeno enreixado e o xardín que o rodea, tallado en bronce sobre un monólito de cantería de dúas pezas, érguese sereno e sorrinte o rostro de D. Anselmo. Falecido en 1997 aos 63 anos de idade, o crego contempla a vida da parroquia dende a praza que leva o seu nome e na que se sitúa a igrexa nova de Torás pola que tanto loitara, unha igrexa que conta cunha tipoloxía de planta de salón, cunha única e ampla nave rectangular.

Da súa construción destacan catro grandes contrafortes en cada un dos muros laterais, dándolle ese xeito de sobriedade que a caracteriza. A fachada principal está adornada por un gran rosetón e unha sinxela espadana na súa parte central de tres ocos nos que podemos ver as dúas campás do templo, dous sinos que antes da inauguración en 1968 desta igrexa nova, penduraban nos dous ocos da espadana da igrexa vella.

Grazas á erudición do admirado e prezado Xosé Troiano Carril, eminencia do mundo dos sinos que, xunto a Estanislao Fernández de la Cigoña, leva anos preparando un libro sobre as campás das parroquias galegas e os seus fundidores, temos abondosa información das dúas de Torás.

Nunha das campás, mirando de fronte á fachada a que está situada no oco da dereita da espadana, aparece a seguinte inscrición: “PALACIO Y LISTE EN ORAZO. 1861”. Segundo os datos de Troiano, Juan Liste Pereiras (1823-1909), natural de Orazo (A Estrada, Pontevedra) asociárase cun fundidor ambulante chamado Palacio (que posiblemente procedía de Cantabria) e ambos comezaron a fabricar campás do obradoiro de Orazo, entre elas esta da que estamos a falar da parroquia de Torás e unha das existentes na igrexa de Golmar, fundida tamén en 1861. Despois de traballar xuntos durante unha década, entre 1860 e 1870, posteriormente, as campás desta fundición ían ser asinadas só por Juan Liste e, andando no tempo, tamén comezaría a fundir sinos o seu fillo José Liste Villanueva (1858-1927), que foi quen quedou a cargo do obradoiro despois da morte de seu pai, acaecida en 1909. Precisamente, nunha das dúas campás da capela de Santa Margarida de Montemaior, aparece a seguinte inscrición: “JOSÉ LISTE EN ORAZO. 1895”

Na outra campá da igrexa nova de Torás reza a seguinte inscrición: “MEARS & STAINBANK, WHITECHAPEL FOUNDRY. LONDON./ OMNIA FIANT AD GLOIAM DEI./ D. FRANC. FERRER LLUCH ET CONJUX D. ISAB. PEREZ/ DE FERRER VOTUM SOLVENTES DONANT HUN. CAMPANUN/ ECCLESIA SANTAE MARIAE VIRG. DE TORAS./1891”, que despois da oportuna tradución vénnos a dicir que… “Mears & Stainbank, Fundición de Whitechapel, Londres./ Todo sucede a la gloria de Dios./ D. Francisco Ferrer Lluch y su conyuge D. Isabel Pérez de Ferrer dona este voto. Campana/ de la iglesia de Santa María de Torás./1891.


Campá inglesa de Torás - Autor: TROIANO, Xosé

A Mears & Stainbank Whitechapel Foundry estaba situada no distrito londinense de Tower Hamlets e dedicouse principalmente á fabricación de campás e os seus accesorios, aínda que tamén proporcionou campás de man e carrillóns. A fundición, que no momento do peche era a máis antiga de Gran Bretaña (creárase en 1570), destacou por ser o fabricante da campá da Liberdade, en inglés Liberty Bell, un famoso símbolo da independencia estadounidense e da abolición da escravitude; e mesmo por relanzar o Big Ben, a campá máis grande elaborada por esta casa, que soa desde o 31 de maio de 1859 na Torre do Reloxo, a Torre Elisabeth, situada no lado noroeste do pazo londinense de Westminster, a sede do Parlamento do Reino Unido. Tras case 450 anos elaborando campás, a Mears & Stainbank Whitechapel Foundry ía pechar o 12 de xuño de 2017. Dos máis de trinta mestres fundidores que pasaron ao longo da historia polo obradoiro desta afamada empresa británica, Alfred Lawson, mestre entre 1884 e 1904, foi quen fundiu a campá menor de Santa María de Torás aló polo ano 1891, sino custeado polo comerciante coruñés Francisco Ferrer Lluch, persoeiro do que falamos deseguido.

O noso protagonista era bisneto dun dos grandes empresarios do século XVIII, Francisco Ferrer y Albá, comerciante catalán establecido na Coruña desde 1757 que casara con Francisca Artiaga Beitia, unha muller pertencente a unha familia acomodada de orixe asturiano. Froito deste matrimonio foron Rosa, María Ignacia e Francisco Ferrer y Albá, o único fillo varón que continuaría a estirpe. Nado na Coruña en 1779, este Francisco, que sería alcalde da cidade herculina en varias ocasións1, casou con María Magdalena Andrea Gundián Carrais, filla do procurador da Real Audiencia da Coruña, José Francisco Gundián Bañales, pero quedou viúvo en 1818. Tivo con ela cinco fillos, un deles Francisco Ferrer Gundián, que contraeu nupcias con Juana Lluch Gómez. Un dos fillos deste matrimonio foi Francisco Ferrer Lluch, o persoeiro que doou unha das campás de Torás.

A actividade empresarial dos Ferrer comezara con negocios que abarcaban a industria da salgadura de peixe, as inversións navieiras e outros negocios comerciais que se foron diversificando co paso dos anos. Ao mesmo tempo, durante a Guerra da Independencia española e a posterior volta ao trono do Borbón, Ferrer y Albá presta apoio económico á causa liberal.

A represión que a cidade coruñesa sufriu a mans do exército borbónico tras o fracaso das sublevacións liberais ía supor un grave quebrantamento para a actividade mercantil da empresa. Non obstante, no ano 1829, Ferrer y Albá constituíu unha sociedade cos seus fillos Francisco -o pai do doador da campá de Torás- e José, que tiña a súa sede no número 12 do Cantón Pequeno coruñés, nun edificio que tamén era vivenda familiar. A devandita sociedade, rexistrada como “Casa de comercio de Francisco Ferrer y Albá”, emitía numerosas fianzas de Reais Patentes Mercantes e de Corso para barcos que, dende A Coruña, se dirixían na súa meirande parte a América con mercadorías e pasaxeiros (tamén hai rexistros de fretes de barcos con destino a portos españois).

Ademais diso, Ferrer y Albá, ao igual que a maior parte dos comerciantes coruñeses da época, ía aproveitar en numerosas ocasións as súas embarcacións para a trata de negros. Cos beneficios da venda de escravos na Habana adquiría produtos das colonias, en especial café, té e azucre, que eran transportados e vendidos na Coruña ou exportados a Europa. Ferrer y Albá tivo, ademais, participación en numerosas empresas adicadas aos seguros e aos transportes.

A etapa de recesión económica que afectou a Europa na década de 1840 supuxo o fin da Casa comercial de Ferrer y Albá, que se declarou en quebra en 1851.

Francisco Ferrer Lluch, o doador da campá de Torás, nace na Coruña en 1828 e estuda na Escola de Náutica da cidade herculina. Saca o título de piloto antes de alcanzar os 20 anos de idade, iniciándose laboralmente como piloto naval nun dos barcos da familia. Coetáneo de grandes persoeiros da historia da Coruña como Eusebio da Guarda ou Fernando Rubine, foi adquirindo experiencia no mundo dos negocios nas numerosas viaxes realizadas a América antes da quebra de Casa comercial de Ferrer y Albá. Na súa edición do 27 de novembro de 1847, o Boletín Mercantil e Industrial de Galicia facíase eco dunha destas viaxes:

“Para La Habana. Con escala en Santiago de Cuba y Puerto Rico. Dará la vela el 15 de Diciembre próximo, el acreditado bergantín Hércules de porte 192 toneladas, clavado, empernado y forrado en cobre, al mando de su capitán D. Francisco Ferrer y Lluch. Admite pasageros y un resto de carga á flete. Lo despacha su armador D. Francisco Ferrer y Albá, cantón de Laci número 122.”

O noso protagonista contrae nupcias nesa altura con Isabel Pérez López. Curiosamente, unha irmá de Francisco, María, tamén ía casar cun irmán de Isabel, José.

Ao igual que fixeran no seu momento os seus devanceiros e co aprendicaxe da experiencia vivida coa quebra da casa fundada por seu bisavó, a medida que prosperaba nos seus negocios, Francisco Ferrer Lluch foi diversificando as súas actividades comerciais e financieiras ao tempo que se introducía progresivamente en novas ramas económicas, ampliando os seus horizontes empresariais, que lle proporcionaban un importante incremento dos beneficios e unha acomodada posición na burguesía herculina da época. Así, ao negocio navieiro, co frete das embarcacións que capitaneaba nas travesías a América, fóronse sumando negocios como a venda de produtos coloniais ao por maior, a salgadura ou, entre outras actividades, o sector mineiro:

“El señor D. Francisco Ferrer y Lluch, del comercio de esta plaza, ha presentado en el Gobierno civil una pertenencia de 10 minas de hierro con el título “Leticia” en el paraje de Lourdio, término municipal de San Saturnino3.”

Membro activo da sociedade coruñesa da época, a finais do século XIX é un dos directivos habituais da Cámara de Comercio da Coruña, nunha época na que encargou en Londres, na Mears & Stainbank Whitechapel Foundry a tantas veces nomeada campá da igrexa de Torás. Descoñecemos cal era a relación que este persoeiro Ferrer tiña coa Laracha. Se cadra viña dada pola actividade pesqueira en Caión para as súas fábricas de salgadura. Ou mesmo pola súa probable amizade con D. José Orellán, párroco de Santa María de Torás nos ultimos anos do século XIX e nos primeiros do XX.

Vítima dunha cruel enfermidade, Francisco Ferrer y Lluch faleceu na Coruña o 24 de febreiro de 1902 aos 74 anos de idade. A súa viúva Isabel Pérez finou o 15 de outubro de 1915. Se escoitedes repenicar as campás da igrexa de Torás, non esquezades que os seus nomes resoan na Laracha dende 1891.


La Voz de Galicia, 25 de febreiro de 1902


Notas

1 O 19 de abril de 1820 Francisco Ferrer y Albá pasou a ser o noveno alcalde do concello da Coruña. O seu goberno municipal era de corte liberal e estaba integrado por burgueses e comerciantes. En 1834 Ferrer ía volver á política municipal como alcalde interino. En 1835 pasou a ser o primeiro rexedor do cabido e en outubro de 1836 xurou o cargo como segundo alcalde. Pouco despois asumiu o cargo de vicepresidente da xunta de comercio da cidade. En xaneiro de 1842 foi nomeado de novo alcalde da Coruña.

2 Vid. Boletín Mercantil e Industrial de Galicia, 27 de novembro de 1847, páx. 4.

3 Vid. La Voz de Galica, 8 de decembro de 1889, páx. 2.

MACEIRAS, Xabier

Crónicas de Laracha (27-04-2022)

  • Capela de Santa Margarita de Montemaior - A LARACHA: Campás, campaneiros e toques
  • Igrexa de Santa María de Torás - A LARACHA: Campás, campaneiros e toques
  • A LARACHA: Campás, campaneiros e toques
  • LISTE VILLANUEVA, JOSÉ (PARROQUIA DE ORAZO) (A ESTRADA) : Inventario de campás
  • MEARS & STAINBANK (LONDON) : Inventario de campás
  • PALACIO; LISTE (CASTROVITE) (PARROQUIA DE ORAZO) (A ESTRADA) : Inventario de campás
  • Campanas (inscripcions, descrición): Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Crónicas de Laracha (2022)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 25-04-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 85 Visitants: 85 Usuaris: 0