Queimaron os "roxos" a igrexa de Becerreá no 1936?

A construción da igrexa de San Xoán de Becerreá, deseñada polo arquitecto diocesán Nemesio Cobreros Cuevillas, comezou no ano 1904 pero, debido á falta de cartos para as obras, o remate demorouse más de catro lustros. Non foi consagrada ata o 27 de novembro de 1927. Dise que na construción utilizáronse as pedras da primitiva parroquial que estaba xunto o cemiterio onde se conserva unha pedra, único resto do desaparecido templo. As noticias sobre esta igrexa son escasas. El Clamor Público do 18 de setembro de 1862 achega a noticia dun roubo. Doutro roubo fala El Regional do 10 de decembro de 1898, cometido entre os días 7 e 8 por un veciño de Fontes que accedeu polo campanario (uns meses despois fuxiu do cárcere), e El Norte de Galicia do 3 de marzo de 1903 informa que cando a visita que fixo a Becerreá o deputado Enrique Saavedra Bálgoma xa estaba en ruínas, "incapaz para el culto"...

Pero por moito que buscamos, pouco atopamos sobre a queima do templo o día seguinte ao golpe de estado fascista de xullo de 1936. O motivo que nos empurrou a procurar información sobre ese suceso débese a algúns díxome-díxomes que falan de que os "roxos" do concello de Becerreá lle plantaran lume o 19 de xullo, día de feira na vila. Despois de preguntar a varias persoas que xa naceran daquelas, unhas aseguran que non viron o lume pero que si oíran falar "de que algo pasara". Outras, pola contra, negan que acontecera tal suceso. Dende a inauguración, os Boletíns do Bispado de Lugo limítanse a relacionar o nomeamento dos párrocos, e na prensa aos actos sociais (bautizos e vodas principalmente), algunha doazón particular ou subvención de organismos públicos, e sobre todo á publicación de esquelas.

Unha anotación, realizada no Libro de Fábrica da igrexa polo párroco José Castedo González no ano 1941, di: "... siendo quemados los altares y casi todos los objetos de culto, con sus campanas, que fueron fundidas en la gran hoguera que los amotinados rojos hicieron en la plaza delante de la iglesia". O que nos chama a atención é esa queima das campás "fundidas en la gran hoguera". Para fundir o bronce precísase, como mínimo, unha temperatura superior aos 900º C, e unha fogueira, en condicións óptimas, alcanza como máximo os 400º C. Pero máis chamativo resulta que no Libro de Fábrica se mencionen compras e doazóns de floreiros, reclinatorios, alfombras, obras menores... e non aparezan as campás cando son un dos elementos fundamentais de calquera parroquial que se prece. E outro dato: varias imaxes que podemos ver na igrexa son anteriores a 1936.

O sucesor de don José Castedo, seu sobriño José Saco Castedo que pasou a titular da parroquia, xunto coa de Cadoalla, dende outubro de 1951 (xa exercía de forma provisional dende algúns anos antes), autor de varios artigos na prensa da época, omite o suceso.

Xosé Troiano, da web "Campás e reloxos monumentais de Galicia", coméntanos que as campás da igrexa de Becerreá, que carecen de data e sinete (marca do fundidor), pola tipoloxía, poden ser de finais do século XVIII. Aínda que non se aprecia moi ben, na foto de Ruth Matilda Anderson vese parte dunha campá que foi colocada no edificio provisional mentres non se remataba a nova parroquial que ten moita semellanza coas que podemos ver no campanario da igrexa, gravadas cos nomes de "Candelaria" e "San Juan"...O que si pode aclarar o acontecido o 19 de xullo de 1936 é un documento do 16 de febreiro de 1937, nunha declaración de Antonio Rosón Pérez (Causa 339-37), "hermano del Jefe de Información, Prensa y Propaganda de la Falange Española de Becerreá", realizada contra o Brigada da Garda Civil Emilio Baliño, comandante do posto de Becerreá, a quen acusou de ter actuado con pasividade e "negligencia en el cumplimiento de su deber" durante os sucesos ocorridos na vila o día seguinte da sublevación fascista, cando os dirixentes republicanos convocaron unha manifestación para amosar a súa repulsa polo golpe de estado do día anterior. Na declaración, Antonio Rosón di que "por manifestaciones de personas de solvencia, por las que tuvo conocimiento de que el Brigada Comandante del puesto parlamentó con los rebeldes y que les hizo manifestaciones en ese sentido... Al arrancar el coche con dirección a Lugo, hizo manifestaciones o gestos marxistas". Cando o sacristán, de nome Antonio, lle propuxo aos falanxistas "albergarse dentro de la iglesia para defenderla a tiros... el declarante dice que ofreció su prestación personal, pero le hizo ver la dificultad de la falta de armas".

Ao longo da declaración contra o brigada, sete meses despois, só se fai fincapé na "ocupación de la iglesia", pero ningunha mención (nen sequera se insinúa) á queima do edificio, tampouco dos altares, obxectos de culto ou campás. Se fora certo, de seguro que o falanxista non o ía obviar, simplemente porque iso reforzaría a súa acusación contra o garda civil. Por certo, o expediente contra o brigada foi sobresido.

COLECTIVO PATRIMONIO DOS ANCARES

Arqueoloxia dos Ancares (24-06-2022)

  • Igrexa de San Xoán - BECERREÁ: Campás, campaneiros e toques
  • BECERREÁ: Campás, campaneiros e toques
  • Campanas (inscripcions, descrición): Bibliografía
  • Destrución de campanarios e de campás: Bibliografía

     

  • Volver á páxina anterior
  • Menú inicial CAMPANERS DE LA CATEDRAL DE VALÈNCIA
    Campaners de la Catedral de València
    © Arqueoloxia dos Ancares (2022)
    © Campaners de la Catedral de València (2024)
    campaners@hotmail.com
    Actualización: 28-03-2024
    Convertir a PDF

    Connectats: 107 Visitants: 107 Usuaris: 0